Mostrando entradas con la etiqueta San Andrés de Teixido. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta San Andrés de Teixido. Mostrar todas las entradas

02 noviembre 2008

UNHA ROMAXE SEN FALA (Historias de aparecidos)

UNHA ROMAXE SEN FALA
Do que lle pasou a unha moza cando se lle presentou o espírito do seu defunto padriño.

Habería quince días que finara...máis ou menos. Eu funme para a cama. Aínda quedaba xente na cociña, pero a min xa me empezaba a vir "Pedro Chosco" e, despois de estar sachando na horta da medoña todo o día, non tiña eu moitas ganas de contos.
O caso foi que estaba collendo o primeiro sono, cando oio que chaman por min: " ¡Xoseeefa, ai Xoseeefa!", cunha voz que parecía que viña máis do outro mundo ca deste. ¡E realmente viña!
Eu toda aterrada de medo, abro de ollos e ¡véxoo ós pés da cama, mirando para min e coa man dereita aberta e achegándoma, como si quixera collela miña!
Non caín porque estaba deitada, senón non sei que sería de min.
Nisto que volve outra vez: "¡Xoseeefa, ai Xoseeefa!" e eu, sin poder moverme da cama, nin poder berrar para chamar polos que estaban na cociña, non sei como se me da por preguntarlle:
-¿Que queres de min ho, que queres de min?
Ó que me contesta:
-Tes que axudarme a facer unha cousa que eu só non podo facer.
Eu naquel momento xa non sabía nin onde estaba, e véuseme á cabeza dicir:" ¡Loubado sexa Noso Señor, Ave María Purísima, benditas as Animas do Purgatorio!" Nada máis digo isto oio unhas voces coma a coro que din: "¡Aquí estamos todas xuntas!"
¡Ai!... Daquela si que peguei un berro que pensei que caía, aínda que non houbera sitio a onde ir. A idea que tiña era afundirme no colchón da cama e ocurréuseme enguruñarme debaixo das mantas todo o que daba de min; aínda que cos ollos de fóra porque, como queira que sexa, eu quería saber o que estaba pasando.
A visión -ou o que fose- debeuse de decatar do medo que eu tiña no corpo, que se esvaíu sen dicir ¡nin isto!
Esa foi a primeira noite, que logo houbo outras, pero co tempo xa me fun acostumando. Non foron moitas...unhas cinco ou seis, penso eu.
En todas elas se me presentou do mesmo xeito: coa man estendida, dicíndome as mesmas palabras, e coa figura que eu lembraba del cando estaba en vida. Ó primeiro meteume medo, ¡xa te podes imaxinar o que é ver algo así! pero despois xa era como un costume… xa tiña máis ou menos unha idea do que ía pasar.
Nunca llo dixen a ninguén, porque así mo pideu el; aló menos nos días en que se me estaba aparecendo. Despois, co tempo, xa o comentei na casa aínda a risco de que me tomaran por tola. Non foi así. A miña madriña e máis a sogra de Xosé, xa habían pasado por unha experiencia parecida. Despois de que suceden as cousas e as contamos, decatámonos de que non somos os únicos que temos visións raras.
O último día xa me explicou o que quería: Debía ir a San Andrés de Teixido, a pé, sen fala, sen parar polo camiño e nin mirar para atrás. Debía escoitar unha misa e entrar por unha porta da igrexa e saír pola outra.
Así o fixen. Todo foi moi doado, excepto o de ter que ir a chamalo ó cemiterio -tiña que ir eu soa-, e o de non parar en todo o camiño, porque sonche coma sete ou oito kilómetros e sempre che dan as ganas de mexar. Por si acaso procurei saír ben servida da casa. Para atrás non mirei ¡cómame o demo si mirei, haber si se me ía aparecer polo camiño adiante!
Fun pola Costa Grande. Atopeime cunha xente que estaba a pedir na Pena dos Pobres -antes do Chao do Pereiro- pero non parei nin lles falei nada. Dinlles unha esmola e seguín camiño.
Cheguei a San Andrés, estiven á misa e fixen todo tal e como mo había mandado. O caso foi que, dende aquela, non se me volveu a aparecer máis, nin el ni ningún outro, e Deus queira que non volva, porque do medo que pasei...¡non te podes nin imaxinar!
Eu sempre teño oído que a xente que morre deixando asuntos sen arranxar neste mundo, que vén do outro para que lle los arranxemos nos. Neste caso penso eu que fixera a promesa de ir a San Andrés de Teixido, e que non a puido cumprir en vida; por iso non descansaba conforto. Como queira que sexa, dende aquela non sei si el descansará en paz; agora que eu si que descanso máis tranquila. Supoño que el tamén.
¿E porqué se me tería que presentar a min, habendo tanta xente na casa? Eu sei que estaba moi achegada a el. Todos lle chamábamos "Padriño", aínda que padriño, o que se di padriño, só o era do meu cuñado Antonio. Sería eu a máis disposta para iso... digo eu.

(Publicado en una revistilla “GALICIA TERRA MEIGA” (revista etnográfica galega e o mundo celta) bajo el título: San Andrés de Teixido, historias de Romeiros e Peregrinos. En el mes de San Xoán, ano 2000. Siendo responsable y director Manuel Aneiros Loureiro)

22 de noviembre

  Deirdre frunció el entrecejo. —No al «Traiga y Compre» de Nochebuena —dijo—. Fue al anterior… al de la Fiesta de la Cosecha. —La Fiesta de...