03 mayo 2008

UN CURA por Carlos Casares

Estes días, que ando metido entre ordenadores, preparando as tarefas que vou ter que facer en situacións complicadas cando arrive a Lisboa o próximo domingo para empezar a viaxe do que xa se chama oficialmente o Expresso da Literatura, cheguei á conclusión de que estas máquinas se parecen moito a un cura que coñecín eu cando era neno. Supoño que alguén poderá pensar que comparar a un crego cun ordenador resulta un pouco forzado e algo extravagante, igual que establecer algún tipo de parecido entre unha monxa e unha batidora. E sen embargo, estou convendido de que no caso ó cal me refiro existe algunha semellanza.
O tal cura era pequeno e redondiño, co aspecto dunha albóndiga xigante, ollos azuis de home inocente e sorriso inalterable nos labios. Eu axudeille á misa unhas cantas veces. Un día, ó rematar, dirixiuse á xente da parroquia, que non era a súa, pero que nacera nela, e preguntándolles os nomes e os apelidos averiguaba cando naceran.
Sabía de memoria todo canto lera e podía establecer de xeito instantáneo en qué día da semana ía caer calquera data do futuro, incluso dentro de mil anos. Dicían que recitaba a Biblia enteira de coro, capítulo a capítulo e versículo a versículo, en latín ou en castelán. E era certo porque eso vinllo facer eu, co meu tío José tomándolle a lección pola Biblia de Scío, sen que fose capaz de coller ó bon do curiña nun só fallo. Resultaba asombroso. Polo visto facía o mesmo co Quijote, aínda que desto non fun testigo directo. A pesar de todo, direino con todo respeto, non se trataba dunha persoa intelixente. Do meu ordenador direi sen rodeos que é totalmente parvo.
A MARXE. Carlos Casares. En “La Voz de Galicia”

No hay comentarios:

22 de noviembre

  Deirdre frunció el entrecejo. —No al «Traiga y Compre» de Nochebuena —dijo—. Fue al anterior… al de la Fiesta de la Cosecha. —La Fiesta de...