14 noviembre 2008

'Promesa' por Carlos Casares

PROMESA
Algunhas veces teño falado aquí de Edmundo Estévez, máis coñecido por Alambritos, un ourensán que foi gobernador civil de León durante a República, que mantivo unha fonda amistade con Baroja, á tertulia do cal asistía a diario, e que era dun antifranquismo visceral, algo pintoresco. Con don Pío compartía o anticlericalismo, ata o punto de que cando vía a un cura camiñando detrás del pola rúa, púñase de costas contra a parede e advertía ós acompañantes para que fixesen o mesmo. Logo, para xustificarse, dicía: «Con esta xente hai que ter coidado. Moitos deles levan unha daga escondida na manga da sotana». Manías á parte, era unha boa persoa, algo chinche, moi elegante e sentimental encuberto, deses que só acariñan a un neno cando non os ve ninguén. Precisamente, o outro día contáronme unha historia relacionada cun pequeno, ocorrida nos anos cuarenta, nun verán que Edmundo Estévez estaba pasando, como adoitaba facer, en Sanxenxo. Sucedeu que o citado señor perdeu na praia o seu reloxo Movado de ouro, unha xoia de coleccionista con moitísimo valor. Cando xa o daba por definitivamente perdido, un neno que trataba e admiraba moito a Estévez, o meu amigo Xulio Losada, empeñouse en seguir buscando, ata que o atopou. Con xesto solemne de fidalgo, o propietario daquela maravilla fíxolle unha promesa: «Cando eu morra, este reloxo será para ti». Nunca máis volveron falar do asunto. Moitísimos anos despois, morto don Edmundo, aquel neniño, convertido xa nun home, recibiu a visita dun sobriño do finado. Entre os papeis deste último apareceu un escrito no que ordenaba cumprir aquela vella promesa. (27 MAYO 2000)

Enriketa ve un fantasma