26 agosto 2008

RETRATO por Carlos Casares

Sucedeulle a Sir Michael Langford, célebre fotógrafo británico, que o contou nun libro onde explica e comenta algunhas das mellores fotografías que fixo ó longo da súa vida, entre elas unha moi coñecida do violoncelista catalán Pau Casals, na que este aparece tomado de costas durante un concerto. A calidade do retrato, tanto pola composición como pola gama de negros e grises que resultaron ó final, é digna de figurar nun álbum das magníficas fotos que se fixeron nun século no que non foron raros os xenios nin as xentes de talento.
Nunha ocasión, Langford ía pola rúa e de súpeto bateu coa súa foto de Casals, que estaba exposta no escaparate dunha tenda. O que lle chamou a atención non foi o feito en si, senón un señor que se atopaba parado diante, como extasiado, sen moverse e concentrado na contemplación do retrato. Picado pola curiosidade, o fotógrafo preguntoulle por que lle gustaba tanto. Nese momento, o home, igual que se espertase dun sono profundo, respondeulle: «Non é pola foto. Estou escoitando o concerto».
'A marxe' de La Voz de Galicia (4 de agosto de 2000) por Carlos Casares

No hay comentarios:

Haiku